A historia entra ás veces polos lugares menos previstos. Antigamente os mapas dos lugares de xantar nas romarías e feiras eran parte natural do espazo común. Manteis do Reino de Galiza recupera esa función pero invírtea: en vez de mapas comerciais, un mapa do reino medieval galego, deseñado para ocupar o lugar central da mesa nun bar ou nun restaurante, e impreso en papel reciclado pensado para o uso real en hostalería.
O proxecto cruza tres disciplinas. Investigación histórica e cartográfica, con consulta de fontes documentais e bibliográficas. Ilustración cartográfica orixinal, que sintetiza territorios, dioceses, vías e centros de poder do antigo Reino. E deseño gráfico, que decide xerarquías, tipografías, tratamento da lenda e usabilidade real sobre unha mesa de comedor.
A elección do soporte é parte do concepto. O mantel non é un poster. É un obxecto cotián, fácil de adquirir polos establecementos, lixeiro para a hostalería, reciclable. A divulgación da historia non sucede nun museo, sucede mentres se come.
A iniciativa foi recoñecida pola Deputación da Coruña no marco do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2025.